Monday 20 de May de 2024

O Concello organiza unha visita guiada ao Museo de Belas Artes para coñecer a mostra de Picasso


O Concello organiza unha visita guiada ao Museo de Belas Artes da Coruña para coñecer a mostra Picasso, branco no recordo azul. Será o mércores 19 de abril en horario de tarde.

Picasso branco no recordo azul. Debuxando o futuro está organizada conxuntamente polo Estado español e o Estado francés nos principais museos das cidades picassianas, con motivo do cincuenta aniversario da morte de Pablo Picasso o pasado 8 de abril. Está comisariada por Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira, coa coordinación xeral de Ángeles Penas, directora do Museo de Belas Artes da Coruña e coa participación do equipo técnico-facultativo do museo.

Picasso, branco no recordo azul analiza o carácter iniciático dos seus fundamentos estéticos no período coruñés e como estes transcenderon ao futuro, poñendo de manifesto as débedas que o prolífico creador ten con aquela etapa que xamais esquecería, talvez a única na que se sentiu feliz, fortalecido por un sentimento de liberdade e confianza en si mesmo. A exposición estrutúrase en dez capítulos que obedecen a referencias de orde temática, conceptual ou de linguaxe.

As persoas interesadas en participar poderán apuntarse a través da sede electrónica a partir de mañá venres, desde as 10.00 horas. No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas. As prazas ocuparanse por rigorosa orde de solicitude.